Saturday 27 de April de 2024

A Xunta impulsa clústeres nos eidos da economía circular, a biomasa ou a industrias do deporte e ocio


― O Goberno galego destina 260.000 euros para a elaboración do plan estratéxico e posta en marcha de iniciativas prioritarias destes tres proxectos que resultaron beneficiarios da convocatoria para Clústeres emerxentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

― Con este programa de axudas buscábase fortalecer agrupacións empresariais de creación recente para dar soporte ao seu papel dinamizador na economía galega

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de Clústeres emerxentes, unha nova liña de axudas activada este ano co obxectivo de apoiar e fomentar a actividade dos novos clústeres que teñen como obxectivo o impulso da transformación dixital e a mellora da competitividade das pemes galegas.

En total destina 260.000 euros a tres iniciativas promovidas polo Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia (A Coruña), que recibirá 100.000 euros; o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Santiago de Compostela) e pola Asociación Clúster da Biomasa de Galicia (Ourense), apoiadas con 80.000 euros cada unha delas. Estes apoios da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación servirán para cofinanciar a elaboración do seu primeiro plan estratéxico ou a posta en marcha de iniciativas prioritarias contidas en dito plan estratéxico.

Na avaliación dos proxectos tívose en conta o impacto económico da actividade apoiada, o grao de representatividade do clúster no sector correspondente e a importancia do ámbito produtivo para Galicia, ademais da participación na entidade de centros ou institucións tecnolóxicas ou de investigación.

Con esta liña preténdese contribuír a fortalecer as agrupacións empresariais de creación recente para que mobilicen recursos e reforcen o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico. As axudas buscan dar soporte ao papel dinamizador que estas entidades teñen na actividade económica de Galicia.

Este programa complementa os apoios achegados aos clústeres consolidados, a través da liña de axudas que desde 2013 apoia os plans de formación e os proxectos de impulso da actividade das pemes galegas e dos programas que contribúen á promoción de iniciativas que lideran estas organizacións, como os proxectos Industria 4.0 ou diferentes accións para facilitar a internacionalización das empresas.